Imprimir esta páxina

A memoria do último polígrafo

A idea daquelas persoas que escribían sobre diferentes materias, que atesouraban coñecementos sobre múltiples ámbitos do saber, os polígrafos e polígrafas, “morreu cos últimos ilustrados do século XVIII”, sostén o presidente da Real Academia Galega.

Xesús Alonso Montero foi o encargado de abrir este mércores o XIII Memorial Filgueira Valverde, que o Museo de Pontevedra organiza coa Vicerreitoría do campus e que, coincidindo coa súa elección para o Día das Letras Galegas do vindeiro ano, céntrase neste 2014 na figura do intelectual pontevedrés que lle dá nome, “un polígrafo nos tempos nos que xa non quedaban polígrafos”, destacou Alonso Montero.

Creador literario, filólogo, arqueólogo, historiador, antropólogo... foron moitas as facetas de Xosé Filgueira Valverde que se puxeron de relevo na inauguración dun memorial que, a través de catro conferencias, trata de ofrecer unha ampla e actualizada visión sobre un intelectual ao que “ningún campo do saber lle foi alleo”, como destacou a deputada provincial Ana Isabel Vázquez na inauguración deste ciclo. Un acto no que estivo acompañada polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o director do Museo e coordinador do memorial, Carlos Valle, e o fillo do homenaxeado e presidente da fundación que leva o seu nome, Fernando Filgueira. Nacido en 2001 como un complemento á cátedra creada pola Caixa de Aforros de Pontevedra para a difusión da actividade do campus pontevedrés, este memorial "tentou sempre anticiparse aos actos que ían ter lugar ao ano seguinte”, segundo destacou Valle, que agradeceu a implicación con esta iniciativa tanto de Corbacho como da súa predecesora na Vicerreitoría, Antonia Blanco, “sen os que non sería posible que este memorial continuase celebrándose trala desaparición da cátedra”. Neste senso, Corbacho puxo o acento en que actividades como a inaugurada nesta xornada no Museo aglutinan dous dos obxectivos centrais da Vicerreitoría, como son “achegarse á cidadanía e apostar pola cultura”, dúas ideas que son tamén eixos do Campus Crea, o proxecto de especialización do campus. “Pontevedra é unha cidade universitaria e hai que estar orgullosos diso”, destacou o vicerreitor no inicio dunha intervención na que puxo o acento en que a cidade “ten quizais un dos campus máis vinculados á cultura, polas súas titulacións e polas actividades que se desenvolven”, como é o caso dun memorial que permite á Universidade “estar presente na cidade”.

O valor dunha figura polifacética

Como “un xigante da cultura galega” definiu a Filgueira Valverde Xesús Alonso Montero no relatorio co que deu comezo este memorial e no que este catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela quixo poñer en valor a capacidade do escritor e profesor pontevedrés para afondar en múltiples campos do saber. O presidente da RAG retrocedeu á Grecia clásica para afondar nesa idea do polígrafo, que exemplificou en Aristóteles, unha persoa que “sabía de todo o que se sabía”. Mais naqueles tempos, engadiu, “o conxunto do saber era moi pequeno” mentres que na actualidade “ocupa tantas parcelas que non hai cabeza humana capaz de abranguer tanto”. Por iso, Alonso Montero situou no século XVIII e en figuras como Frei Martín Sarmiento ou o Padre Feijóo esa idea dos últimos polígrafos. Deste xeito, quería poñer en valor a “precocidade dos sabios” que observa na extensa obra de Filgueira, que xunto a Otero Pedraio, constitúen, ao seu xuízo, os únicos exemplos en Galicia desa figura “nunha época que xa non quedan polígrafos”. 


Deste xeito, Alonso Montero quería destacar o valor que tivo na traxectoria de Filgueira Valverde ter coñecementos de diferentes ámbitos e puxo como exemplo a importancia que tiveron os seus coñecementos de música ou de arte nos estudos que realizou da lírica medieval galega. “Se un non sae de Padrón, non vai entender moi ben a Rosalía de Castro”, concluíu Alonso Montero, que salientou a traxectoria “na organización de actividades e institucións” dun profesor que foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra, primeiro conselleiro de Cultura da Xunta ou presidente do Consello da Cultura Galega desde 1990 ata o seu falecemento seis anos máis tarde.

Tres sesións por diante

Trala súa inauguración, o XIII Memorial Filgueira Valverde continúa este xoves cun relatorio do actual presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para logo retornar con dúas novas sesións a vindeira semana. Para o mércores mércores 12 está programado o relatorio Filgueira Valverde e Pontevedra. Datos e conxecturas, a cargo do director do Museo, Carlos Valle, e o ciclo clausurarase o xoves 13 coa participación do catedrático emérito da Universidade de Santiago Xosé Ramón Barreiro, que impartirá unha conferencia titulada Filgueira Valverde historiador.

 

Enlace ó artigo