Nadal Saudoso

Filgueira, coa súa familia, repartindo os agasallos de nadal en 1993 Filgueira, coa súa familia, repartindo os agasallos de nadal en 1993 Arquivo familiar

Os antropólogos que andan a pescudar nos costumes e nas falas dos pobos quédanse moitas veces na cortiza dos feitos e non chegan ao seu cerne. Poño por caso o pouco que teñen caletrado no «tono» do Nadal galego.

Como os poetas son os que mellor saben acadar fonduras e largacías, uns versos de Victoriano Taibo poden poñernos en camiño aberto:

«Á porta do vello pazo, a mocedade da aldea

pra cantar pide licencia, con enxebre cortesía,

e cando o dono, un velliño tremente, bendice a cea

escomenza a panxoliña, toda de saudades chea».

Fixádevos ben nese «toda de saudades chea» e repasade logo o vizoso cantigueiro galego das navidades. Atoparedes nél sempre unha emoción contida, unha ledicia serea, evanxelio, teoloxía, algunha petición de dons e moi poucas rexoubas. Nada de encher a andorga, nin de «echa la bota María» nin de peixes que «beben y beben y vuelven a beber», nin tan xiquera de ratos que rillen o chapéu de San Xosé. A mesma cea contrasta pola sua parvedade cos xantares farturentos dos días do Patrón ou das bodas e os Antroidos. As xentes erguíanse axiña da mesa pra iren á misa do Galo, e deixaban -¡e deixan aínda, mesmo nas vilas!- os pratos dispostos por si é que veñen «os que se foron».

I eiquí tedes a chave do talante deste noso Nadal. Festáxese a vida da familia. E o día do recordo dos que siguen pertescendo a ela na «alén-vila» e dos que están lonxe do seu fogar. Emporiso a ledicia está sempre embazada polas lembranzas dos mortos e dos ausentes, e maxínase o seu retorno…

Fixádevos que as refendas preferidas son as que falan do camiño: «A fe do cego», «A Belén camiña a Virxe María».  E tamén na devoción á Peleriña e aos Reises, camiñantes de tan lonxe. As famosas cantigas da «Diviña Estrela» son como un hino do lume guiadoiro.

É o Nadal de un pobo de emigrantes, de unha sociedade que derrubóu dende tempos moi lonxano as sebes que arredan as tres familias, as tres parroquias: a dos vivos, a dos ausentes, a dos difuntos… De xeito que o lonxanos e o pasado fanse, na señardá, achegados e presentes. E polo mesmo, non é un Nadal tristeiro, é sinxelamente, un Nadal saudoso.

«Pueblo Gallego», Extra. XII-1979

Recollido no Segundo Adral. Páxinas 115-116

Á Cultura Galega

Quixera lograr destas páxinas miñas que fixesen ao lector amar, por coñecer, os vellos oficios da nosa terra, si é que mira con desdén a quen os exercen, si é que pasa con indiferenza ante obras fillas do seu esforzo, móstrense na dignidade dos museos ou sáianlle ao paso no "trivium" aldeán, no feiral, na rúa, no porto...

Información de contacto

 contacto (@) filgueiravalverde.gal
 +34 646 082 658
 Rúa Benito Corbal 19
36001 Pontevedra

Síguenos