Imprimir esta páxina

Filgueira Valverde e a lingua galega

Filgueira foi exemplo de mocidade galeguista: ós 17 anos deu a súa primeira conferencia en galego e participou na creación do Seminario de Estudos Galegos.

Ós 20 publicou con Tobío, Magariños e Cordal un Vocabulario Popular Galego-Castelán para impulsar a incorporación de universitarios ó uso do galego. Ós 27 (1933) deu na Universidade de Santiago o primeiro curso de Literatura galega. Ós 29 (1935) descubriu en Lugo o Vocabulario galego do bachiller Olea (que publicaría en 1947) entre as follas dunha Xeografía de Ptolomeo, impresa en Lyon en 1535, e adiantou en dous séculos o inicio da lexicografía galega. Naquel 1935 parece que se encarga de redactar O Gaiteiro de Lugo, humilde folleto que, contra todo prognóstico, chegou en galego durante moitos anos a ducias de milleiros de casas galegas: un verdadeiro cordón umbilical. Ós 30 anos (1936) doutorouse en Filosofía y Letras en Zaragoza cunha tese sobre literatura medieval galega (a Cantiga 103, Tiempo y gozo eterno). En 1941, esconxurando os medos, convoca o reinicio da literatura en galego, cos seus poemas neotrobadorescos que empezan de forma inequívoca:

Porque non seca a morte a fonte das cantigas/ eu vos chamo, segreles, que veñades cantar.

En 1947 está na creación do Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos que reconstrúe en parte o Seminario de Estudos Galegos, e inicia unha revista que aínda hoxe segue viva (126, 2013).

En 1948 está na creación da Editorial dos Bibliófilos Gallegos que editaría a primeira novela longa en galego (A xente da Barreira, de Carballo Calero), o Cancioneiro da poesía céltiga e moitos libros e folletos para manter viva a conciencia de Galicia. Foi esa editorial quen completou a primeira versión galega da Biblia.

O Instituto de Pontevedra, o Museo e a Alcaldía foron ferramentas a prol da galeguidade. Anos máis tarde (en 1970), elixido por 107.766 votos (62 % dos votantes e 29 % do censo), defendeu nas Cortes a introdución do galego no sistema escolar como lingua vehicular, rematando a súa segunda intervención en galego, segundo consta no Diario de Sesións do 16 e 17 de abril de 1970. Por esa fírgoa legal, que el axudou a abrir na Lei Villar Palasí, metemos algúns contra 1974 o ensino en galego en pleno franquismo.

Porfiou moito e de varias maneiras para que as autoridades españolas repristinasen a toponimia galega. Vino fracasar en xestións ben pensadas para impulsa-lo uso do galego na liturxia e para consegui-la concordia ortográfica en 1980. Na Bibliografía informatizada da lingua galega (http://www.cirp.es/bdo/bil/bilega.html) Filgueira aparece con 123 títulos, nos que incluso toca temas de moderna sociolingüística.

Para a nosa lingua, Filgueira abriu ou franqueou camiños que estaban atrancados. Moitas veces soubo encontrar axudadores. E, cando non, roteou el só.

Enlace ó artigo completo