Imprimir esta páxina

Filgueira, a esquerda e a dereita

Filgueira, a esquerda e a dereita Rafa Vázquez

Filgueira foi contemporáneo de moitos de nós no franquismo. Pero moitos de nós, no mesmo tempo, non fixemos nada memorable nin soubemos, coma el, atopar as mínimas bolsas de osíxeno que ao sistema lle quedaban incontroladas. Con ese pouco osíxeno, Filgueira fixo unha obra multidisciplinar grandiosa.

A outros esa obra parece que os humilla e queren facer pequeno un home grande. A min inspírame gratitude e satisfacción de ser galego.

Dicir que Filgueira era franquista e que non o debemos ler, é unha estraña consigna. Parece implicar que o franquismo consistía en publicar milleiros de títulos sobre lingua e cultura galega, en defender nas Cortes o ensino en galego, en ampliar sen pausa o grandioso Museo de Pontevedra, en poñer cordura no triste Tribunal de Depuración, en facer, sendo alcalde, que compositores como Guridi, Esplá, Halfter, Mompou, Argenta ou Rodrigo estreasen en Pontevedra pezas sobre poemas de Rosalía, Curros, Cabanillas, Leiras ou Celso Emilio. Os que vivimos aquilo, sabemos que o franquismo non facía estas cousas.

Filgueira era de dereitas, que é cousa diferente. Pero aínda haberá que estudar que significaba isto para el, porque rescatar a historia do Archivo de mareantes (1946) ou insistir tanto naquel Deus nace galego da panxoliña portuguesa de 1637 parece máis de esquerdas. Lembro que en 1995 dicíame: Cando O PG se aliou co Frente Popular, nós entendemos que era un erro estratéxico porque, despois de séculos de loita contra os foros, Galicia acababa de conseguir a propiedade da terra (26/6/1926) e esa alianza co marxismo resultaba incomprensible para as maiorías que acabarían levando tódolos votos a Calvo Sotelo. Por iso creamos a Dereita Galeguista (cristiá, non laica; cooperativista, non socialista; pero galeguista, republicana e demócrata).

Pero o Filgueira conservador respectaba os marxistas. Para a Academia Galega propuxo un marxista. E no discurso de recepción díxolle estas palabras: «E lóxico que un investigador da palabra achegado a Engels, a Gramsci, a Sartre... teña entre os motivos-clave o da valencia do macrosigno poético para a protesta social. [...] Moitos rapaces dos anos vinte, na outra ribeira ideolóxica, eramos parceiros das teses de Bremond encol da ?poesía pura? e de Maritain nas Fronteiras da poesía. Mais sen descoñecer nunca que no discanto da fuxida adiante cara á trascendencia e ó inefable, o poeta-profeta, coa raigaña ben afincada na Terra, ten a obriga de vivir e cantar nosisticamente, e que nada do home, nas súas dores e nos seus anceios, e na vida social e colectiva, pode ser alleo a el. E tiñamos que recoñecer e gabar ós cantores civís, ?fillos da ira? dende os serventesios e os escarños do medievo ós precursores, de Xoán Manoel Pintos á verba acesa de Curros, ó alento épico de Cabanillas... Os galegos, ?un pobo á defensiva?, ... podían tamén valerse da fouce feridora».

E, sabio como era, engade un dato inesperado: «Unha coral relixiosa dá base a unha proclama violenta da revolución francesa e convirtese en secular himno patriótico dun pobo que xa non pensa en encher de sangue os regos dos arados. Un mesmo cantar pode alentar ós dous bandos en loita. E baixo a aparencia dunha louvanza ó poder pode agacharse un berro de rebeldía».

Nunca lle oín falar de quen non puidese falar ben. Non gastou o seu tempo en defenderse dos ruxerruxes: estaba seguro de que os arquivos habíanlle dar a razón. En 1995, na Moureira oímos falar dunha persoa á que Filgueira tivo agachada na casa durante toda a guerra e algo máis. Funllo preguntar e sorprendeuse pero confirmoumo e prohibiume contalo abertamente e, con 18 anos de Constitución, levou con el á tumba o nome desa persoa. Porque no evanxeo de Mateo (6,3) Xesús manda isto: a man esquerda non debe saber o que fai a dereita.

 

Enlace ó artigo