Imprimir esta páxina

Filgueira e o pasado incómodo

A escolla de Filgueira polo plenario da RAG para o vindeiro Día das Letras colleume escribindo a introdución dun libro sobre golpe, guerra e ditadura que preparamos no noso grupo de investigación.

Reúne traballos de 15 colegas sobre golpe de Estado, persecucións e matanzas, soldados obrigados a ir á guerra, fascismo nas políticas agrarias, construción do poder local na ditadura, resistencias, consensos e outros asuntos.

Detrás está a lectura de 400.000 folios de procesos militares, denuncias duns e axudas doutros na terra na que os golpistas mataron unhas 5.000 persoas en poucos meses. Queremos mudar o relato herdado do pasado incómodo, construído na transición sobre a vontade de reconciliación e o desexo de mirar para diante, que agocha o que a historiografía indagou e coñece. Un relato bloqueado no franquismo e o antifranquismo, que exclúe aos verdugos e ao fascismo, pero que segue servindo para reproducir disputas sobre o pasado de escasa utilidade. Na democracia apenas houbo políticas da memoria, pero si moita política coa memoria e aí seguimos. Usando o pasado incómodo dos anos trinta como metáfora na política actual. Inutilmente.

A Historia fana homes e mulleres e aquí topamos con Filgueira e as Letras. Propuxérono tres historiadores e un historiador da ciencia. Isto xa dá unha pista de que falamos de pasado cancelado e non só porque teña que levar 10 anos finado. O seu último cargo político foi conselleiro para a Cultura con Albor, antes alcalde de Pontevedra na ditadura (1959-1968), que despois de se consolidar quería desenrolar a economía para seguir asentándose e que colocou daquela a celulosa en Lourizán. Antes do golpe de 1936 fora un nacionalista católico do Partido Galeguista, que fundou a Dereita Galeguista cando aquel pactou coa Fronte Popular. Do seu papel cando as matanzas do golpe e o asasinato de Bóveda xa falou atinadamente García Bóveda. Colaborou coa ditadura franquista, pero non é por iso nin contra iso que a Academia o propón. Senón polo Seminario, o Museo, e canto escribiu. Canto máis sabemos da guerra menos xulgamos ás persoas; canto máis dos verdugos do 36, máis se entende o seu empeño de estenderen a súa culpa aos demais. Foron menos do que nos fixeron crer durante corenta anos.

A baril reacción contraria á decisión da Academia dalgúns sectores paréceme desafortunada por varias razóns. Primeiro, porque identifica o galego e a cultura do país cunhas poucas opcións políticas que desafortunadamente non logran ser maioritarias. A grandeza do noso pasado cultural, que é o de que se trata, mídese en reis medievais, comisarios políticos, alcaldes franquistas e ministros no exilio. Segundo, porque insistir na dialéctica da guerra que foi perdida polos demócratas, a esquerda e o galeguismo, conduce a unha metáfora de derrota. Non xaora de superioridade moral como funcionou no vello antifranquismo. Terceiro, porque o asunto merece crítica sen dúbida -e Filgueira recibiraa tamén- pero a forma e as propostas lembran tanto ás estratexias resistencialistas dalgúns sectores do nacionalismo nos anos setenta e oitenta que só anuncian a marxinalidade da que tanto custou saír.

Enlace ó artigo