Unha lección estrelecida

Filgueira, abaixo á dereita, no paraninfo do IES Valle Inclán, naquel tempo Instituto de Pontevedra. Filgueira, abaixo á dereita, no paraninfo do IES Valle Inclán, naquel tempo Instituto de Pontevedra. Pintos

O 9 de novembro, luns, do ano 1959, os de “Pre” (universitario), no Instituto de Pontevedra, tiñamos clase con don Xosé Filgueira Valverde á primeira hora da mañá.

A lección, tal día, tivo que ser distinta. Algo tería que facer o noso profesor de literatura diante da morte que nos anunciou nada máis chegar, do último gran poeta que nos fora quedando: Ramón Cabanillas.

Algo traía na cara, no cabelo desordenado, no lume do corazón, no seu silencio: o gran profesor non daba atopado o xeito de transmitir a súa emoción perante o camiño que nunca se desanda. Filgueira non sabía como comezar. Púxose a recitar mansamente os últimos versos do poeta, os versos de expiación que veñen en Samos. Verso núo, pingando o fervor, que as palabras apenas se atreven a dicir. Que outro modo mellor de honrar ó creador, senón cos poemas da súa propia creación. Versos para un poeta, naquel día, en tódolos días do mundo.

Chegara a aula don Xosé con seis ou sete libriños, en cada man, grandes como as tiña, e foinos aquelando como ó chou – pero non – encima da mesa. Leu de todos eles, sen sitio para censura, coas apostilas exactas no comento. Fixo que a clase se enchese de misterio, de melodía; versos curtos, longos, de harmonía naquel aire conmovido que foi meténdose en cada un. Versos de tódalas cores, de vida e morte, de liberdade e de insubmisión: a espada Escalibor na terra asoballada do gran poeta civil que foi Cabanillas, cando soñou unha patria, a súa, se cadra tan humilde pero menos infeliz, patria pequena, a nosa, a dos vellos irmáns.

Os meus compañeiros e as poucas compañeiras, tivemos o privilexio de asistir a unha lección excelsa, naquela mañá da outonía. Mestre máxico, Filgueira, fíxose dono do tempo, dos soños, da señardade. Foi o glosador espléndido. De min sei dicir que me sentín destinatario asombrado ante aquela marabilla. Cada un de nós soubo que aquela lección do mestre estaba dirixida a todos, e a cada un, como designio e aventura, como vocación e albedrío.

Que ben recitou Filgueira naquela hora, como nunca o fixera. Os atrancos na pronuncia do “r” rulado, aquel “meu caRRiño cantareiro” do verso epónimo, eran cousa sabida. Tamén aquela súa dicción apagada no final das cláusulas extensas entoadas só para si.

Que ben o dixo todo. Quedamos arrolados, extáticos polo canto melódico da cantiga CIII que puxo a don Ero fóra do mundo, e fóra do mundo, Filgueira, tivo a sedución poética, misteriosa e calada, a cadencia para chegar a nós e petarnos nas portas do corazón de mociños novos.

Aquela mañá, o milagre produciuse en lingua galega.

 

Á Cultura Galega

Quixera lograr destas páxinas miñas que fixesen ao lector amar, por coñecer, os vellos oficios da nosa terra, si é que mira con desdén a quen os exercen, si é que pasa con indiferenza ante obras fillas do seu esforzo, móstrense na dignidade dos museos ou sáianlle ao paso no "trivium" aldeán, no feiral, na rúa, no porto...

Información de contacto

 contacto (@) filgueiravalverde.gal
 +34 646 082 658
 Rúa Benito Corbal 19
36001 Pontevedra

Síguenos