Imprimir esta páxina

Filgueira: innovación no teatro escolar

Retrato de Xosé Filgueira Valverde, presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996) Retrato de Xosé Filgueira Valverde, presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996) Rafael R. Masiá

Corre o ano 1932. Na vila os nenos falan o castelán, algo agalegado. Na aldea, un galego rico en ditos. O señorito Juanito (ou Nito), como vive nun pazo, é mentalmente urbano e fala o castelán.

Xelo, como é da aldea, fala o galego. A lingua é un río que se pode vadear pero marca unha fronteira social.

Un día dous mociños urbanos, Lolo e Juanito, collen o coche do pai de Lolo e acaban batendo cun carro de bois, matando ós bois e mailo carreteiro; Juanito, o do pazo, perde moito sangue; Lolo, o condutor, cheo de medo, foxe. Un médico, don Enrique, busca entre os mociños da tribo vilega quen doe sangue para salva-la vida de Juanito.

Ninguén se ofrece, porque en 1932 as transfusións aínda eran cousa nova. Xelo é da outra tribo; pero doa. E Nito vaise recuperando co sangue rural e proletario de Xelo e este cóntalle tamén saberes ancestrais que os urbanos nin imaxinan. ito renace vendo o mundo con outros ollos, rompe a falar en galego e descobre na Misión Biolóxica de Galicia unha tarefa. Vai ó estranxeiro e volve para traballar pola Terra, man con man cos que a traballaron sempre.

Tempo andando, un amigo urbano de Nito, un pichi tenista, veno visitar e, como está sachando, non o recoñece: nunha escena de retranca maxistral estala o contraste de perspectivas entre o campo traballador e a cidade finxidora e señorita. Pero non hai heroes nesta peza, porque os que o son quítanse mérito: Xelo recoñece que, no fondo, doou sangue por mala conciencia e por unha aposta.

O que hai son antiheroes: xente que lle chama mérito ós seus privilexios e vive a descompás do mundo real. Velaí o esquelete de Agromar, a primeira peza de teatro xuvenil da nosa historia.

Agromar vai por diante do seu tempo. O conflito lingüístico, o conflito aldea-cidade, as tensións da adolescencia desenvólvense cunha lingua pulcra e fraseoloxicamente rica, coma a Pimpinela de Castelao.

Pero hai máis: Agromar é unha ópera aperta: 30 anos antes de Umberto Eco, e 65 anos antes das licencias Creative commons, o autor permite expresamente modificar este texto aberto: só pon como condición que á nova farsa resultante non veñan luxala nin a acedume nin a xenreira: Agromar é un berro de irmandade!

O autor da peza é o xurista Juan Acuña, heterónimo de Filgueira. Abrindo o texto a tódalas innovacións, Filgueira entrega a súa obra e vaise pero, con esta apertura, o conflito lingüístico de Galicia xa non é só lingüístico nin só galego senón metáfora de tódolos conflitos humanos: de clase, de raza, de xénero, de relixión.

Se detectar culpables é menos útil que estimula-lo afecto, se a solución é a irmandade, calquera texto adaptado mantería a esencia da peza Agromar. Con estas condicións escénicas, poucos autores darán máis xogo nas aulas. ¡Sabía moita literatura aquel profesor, que escribiu isto ós 26 anos, para agarimar a enxebreza dos nenos e darlles un ideal! Non debería haber centro educativo en Galicia que este ano 2015 non representase Agromar. E mesmo sería marabilloso editar tódalas recreacións de Agromar.